Símbolos heráldicos de Burela
Tráense ás armas deste Concello o faro, que alude ao "facho" de vixilancia permanentemente establecido no porto da vila dende 1641, e o "torques" celta de ouro, aparecido hai algúns anos no chamado Chao do Castro e hoxe conservado no Museo Provincial de Lugo. Ambas as dúas figuras dispóñense brochantes sobre un ondado que expresa ou recorda, complementariamente, a especial vinculación de Burela co mar e coas actividades mariñeiras todas.
Blasonamento
Ondado de azur (azul) e prata (branco) e un faro: sumado dun "torques" de ouro brochantes. Ao timbre, coroa real pechada. Sobre esta base, o Concello de Burela acordou a aprobación da súa bandeira municipal coa seguinte organización: dividida verticalmente a un terzo de hasta, de azul escuro á hasta, co faro e o "torques" de amarelo, e de azul claro ao batente.