Fondo cabecera Concello de Burela

Historia

Evolución histórica

Os primeiros indicios de poboamento nos límites da parroquia corresponden a un castro situado na parte extrema do cabo, nun pequeno alto, moi preto do mar. Estes castros marítimos adoitan emprazarse en zonas estratéxicas tanto pola súa defensa coma para beneficiarse da riqueza marítima que lles permitía unha doada subsistencia. Neste caso, o litoral ofrece abundante pesca e marisco, ademais é un lugar estratéxico dende onde se divisa toda a costa. Como queda dito anteriormente, a situación de chaira permite a entrada doada de poboación e un lugar axeitado para o seu asentamento.

A poboación castrexa deixou a súa pegada nos instrumentos encontrados nun terreo chamada "Chao de castro". Referímonos á arracada e ao torques de Burela. O torques, que actualmente se encontra no Museo Provincial de Lugo, é unha peza de ouro de 23 quilates formada por unha grosa vara no centro e romboidal nos bordos, os seus extremos remátanse con "dobre madeiro de cono". É unha das pezas mestras da ourivaría castrexa polas súas proporcións, equilibrio e realización.

Moi preto do castro encontramos un "vilaris" e unha vila que corresponde á época da romanización de Galicia. Este pequeno poboamento vai dar orixe a unha freguesía rural composta por distintos lugares e eríxese en parroquia, baixo a protección de Santa María, cando a diocese tiña a súa sé en San Martín de Mondoñedo. Esta diocese ten a súa orixe no ano 866 e formouse a partir do antigo bispado de Bretoña; os bispos residiron habitualmente en San Martín, ata que no s. XII a sé foi trasladada a Vila Maior de Brea (actualmente Mondoñedo). Cando a sé se traslada a Mondoñedo, erixíranse en parroquias a maioría das hoxe existentes na zona costeira da provincia de Lugo. A evolución histórica castro-vila-parroquia, que acabamos de describir en Burela, é frecuente en toda Galicia.

A xeografía da diocese sufriu algunhas modificacións a consecuencia do preito que no s. XII mantiveron o arcebispo de Santiago e o bispo mindoniense. Unha vez rematado o preito, D. Nuño quixo arranxar os bens da súa igrexa e fixo un convento co conde D. Rodrigo de Vela polo cal dividiron as parroquias pertencentes a un e outro. Esta división queda confirmada polo rei Alfonso VII ao declarar a Santa María de Burela territorio realengo outorgado a D. Nuño. Para designar a divisoria entra Cangas e Burela áchase a palabra "torrentes"; actualmente a zona máis próxima á parroquia de Cangas denomínase Torrentes. Aínda que vemos que en Burela existía con anterioridade ao s. XIII, é neste momento cando se delimita o territorio que lle corresponde á parroquia; este feito vén recollido nun pergameo existente nos arquivos da Real Academia da Historia, cando o bispo D. Juan Sebastianes e D. Rodrigo Gómez outorgan "carta de poboación" aos que doan a metade do monte da Rúa establecendo os tributos que habían de pagar conforme ao foro de Benavente. Esta carta-poboa é o documento que contén o repartimento de terras, dereitos e deberes que se concedían aos poboadores do sitio, quedando fundado o pobo. Esta fundación está datada en febreiro de 1250 considerándoa como a primeira noticia deste lugar.

En 1258, o bispo Sebastianes co deán e cabido de Mondoñedo aforan os bens que, legados polo arcediago de Azumara, Pedro Pérez, serán coñecidos nos séculos posteriores como a "Sucesión de Burela". Estes bens radican nas parroquias da Devesa, Fazouro, Burela, Cervo, Lieiro, Portocelo, Sumoas e Celeiro. En concreto afóranse, ademais doutros bens, a metade da igrexa de Santa María de Burela. A partir de 1352 a sucesión leva unido o dereito de presentación que é causa do asentamento de nobres familias nos termos da demarcación parroquial. Polos bens da "Sucesión de Burela" Pedro Bolaño preitea co cabido de Mondoñedo, pois este defende a súa pertenza a Martín Vazquez de Vaamonde. O preito é perdido por Pedro Bolaño que é obrigado a abandonar os bens da Sucesión. A pesar de todo segue mantendo posesións no termo de Burela tal como indica o seu testamento.

A súa parroquia Santa María del Rosario de Burela pertenceu ao padroado dos Osorios e Bolaño de Celeiro e de Herbes en Betanzos. O dereito de padroado consiste nunha serie de privilexios que a igrexa concede aos fundadores dun lugar sagrado e aos seus sucesores; estes privilexios son o dereito de presentación, o de preferencia honorífica e, en caso de indixencia, o de alimentación. Estes privilexios son os que os dous fillos de Alonso Vázquez de Cabarcos din posuír na parroquia de Santa María de Burela, aínda que Pedro de Bolaño os reclama en exclusiva. Transcorre pacificamente o exercicio do dereito de presentación parroquial ata que en 1740 Pedro Carlos Quiroga Lemos e Miranda, rexedor das cidades de Coruña e Mondoñedo, os reclama como descendentes de Fernán Díaz de Ribadeneira. Pedro Carlos, ademais de dono da casa e pazo de Herbes, é señor das xurisdicións de Soñar, Sésamo, Angueiros e Burela. Á reclamción de Pedro Carlos oponse Basilio Osorio. O preito é longo e non remata ata que Carlos III en 1770, mediante unha Real Cédula, establece quenda e alternativa nas vacantes do devandito beneficio de Burela.
O preito é máis por motivos vaidosos que por outras causas pois o valor económico é escaso.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Burela
Concello de Burela
C/ Eijo Garay N°20 – 27880 Burela - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 586 000 / 982 580 609 | Fax: 982 585 945
E-mail: burela@burela.org