Fondo cabecera Concello de Burela

Aspectos económicos

Entre as principais fontes de riqueza encóntranse a pesca, a agricultura, a industria fariñeira e os teares.

Ao longo da Idade Media e ata o século XVIII a pesca de baleas foi unha das actividades económicas de maior relevo en Burela. O licenciado Molina fai unha descrición clave da bisbarra e do seu mar bravo que atrae a este tipo de cetáceos, permitindo a súa pesca e unha importante industria, chegando a alcanzar o seu maior esplendor no século XVI. A pesca da balea abastece de aceite o mercado rexional e tamén se aproveita a carne, especialmente a das aletas. Non se sabe con exactitude cando comeza en Burela este tipo de pesca, pero si se coñece que en 1521 Carlos I concede a primeira cédula reguladora desta clase de pesca a Galicia, prohibindo a afluencia de navíos estranxeiros, o que ratifica en 1531. Está documentado en 1527 que os baleeiros vascos declaran que veñen a Burela dende tempos moi antigos. A realidade é que os vascos son os grandes mestres nesta arte e que ao longo da costa cantábrica establecen compañías baleeiras coa participación dos homes do mar. En 1641 constituíuse unha destas sociedades en Burela, na que participaban os pescadores e o deán de Mondoñedo con catro lanchas, tres galegas e unha vizcaína para dedicarse á pesca da balea, cun "facho de vixilancia permanente" en San Cibrao montando garda nel tres labradores e un mercante ao mando dun capitán. A importancia económica queda reflectida no cobramento de alcabalas; calcúlase que chegan ao porto de Burela e San Cibrao unhas trinta baleas anuais, o que supón uns 3.000 ducados. Esta actividade pesqueira ten importancia ata finais do S. XVII pois aínda en 1667 a renda do porto da Armanzón é de 90 ducados, sen contar os 240 reais que supoñen os proveitosos de cada media á e 4.000 reais que produce o aluguer das casas do porto onde viven os vascos (das que son donos as familias Díaz de Ribadeneira e Pedro de Bolaño) e a "dispensa" que serve de refuxio e almacén.

No século XVIII a importancia da pesca de balea branca decrece e unha das causas é a desaparición desta especie nas costas galegas, o que supón a ruína para a zona. Queda plasmada esta situación nas declaracións do párroco D. Juan A. Vázquez Osorio, explicando a situación caótica das casas do porto de Burela, comparándoa coa riqueza de épocas anteriores de grande esplendor económico e da pobreza en que se encontran os pescadores.

Xa en 1745 o Capitán Xeral de Galicia ordena restaurar o "facho" (faro) de Ribadeo que descobre o do cabo de Burela e o de Tapia, estes faros eran de vital importancia para manter unha vixilancia.

Nos séculos XVIII-XIX as perspectivas económicas de Burela son escasas. Os pescadores seguen sendo unha clase pobre ao non posuír unha infraestrutura que lles permita aproveitar as riquezas do mar e non contar con redes comerciais. Outro inconveniente é a matriculación programada por Patiño e levada a cabo por Ensenada que outorga aos pescadores o monopolio do mar coa obriga de prestar servizo nos buques de guerra, o que obriga a frecuentes levas (levar a xente á guerra) e contribúe á ruína de cercos e pesquerías. As estatísticas demostran a decadencia desta época: Burela contaba con 116 familias, 3 embarcacións en 1750 e 6 en 1754. Este mesmo panorama preséntase ao final do S.XIX: a ausencia prolongada de mariñeiros, a diminución na pesca de sardiñas e o seu baixo prezo non permiten ser moi optimista sobre un posible desenvolvemento que mellore as condicións do pescador galego.

Outra fonte de riqueza constitúena as actividades agrícolas-gandeiras que non se desenvolven máis pola escaseza de pastos e terras produtivas. A economía familiar compleméntase coa fabricación de aparellos con destino a outros portos e co traballo en teares que permiten a existencia de pequenos negocios téxtiles.

Esta situación de penuria dura todo o S. XIX pero unha vez desaparecido o señorío empeza unha reactivación económica. Aínda que se pechan as reais fábricas en 1875, Burela continúa coa fabricación de caolíns locais que se embarcan rumbo a outros lugares de España, ademais os pescadores axúdanse coa pesca de baixura mentres que os labregos completan os seus escasos ingresos coa extracción de cuarzo ou barro branco da Limosa. Asistimos tamén, nesta época, á apertura da estrada que une Viveiro con Ribadeo, que remata co illamento desta ampla zona costeira.

Xa no S.XX se inaugura a fábrica de cerámica Cucurny e as antigas factorías de salgadura convértense en fábricas de conserva de peixe; empézase a necesitar man de obra.

Tamén os inmigrantes axudan construíndo unha escola onde se imparte o ensino primario. Iníciase a compra de embarcacións e renóvanse os sistemas de pesca substituíndo a vela polos novos medios mecánicos. En 1923 os mariñeiros fundan o Pósito que vai ter tanta transcendencia para o desenvolvemento do pobo. Levan a cabo iniciativas tan importantes e necesarias como a construción dun peirao de abrigo que se inicia en 1931 e a apertura do ferrocarril da costa entre Ferrol e Gijón inaugurado en 1972 aínda que o seu proxecto se remonta a 1893. Xeneralízase a electrificación parroquial, instálanse serradoiros e intensifícase a exportación de puntal; todas estas obras atraen man de obra a Burela que comeza a rexistrar unha constante inmigración de toda a bisbarra veciña.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Burela
Concello de Burela
C/ Eijo Garay N°20 – 27880 Burela - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 586 000 / 982 580 609 | Fax: 982 585 945
E-mail: burela@burela.org