Fondo cabecera Concello de Burela

Poboación

A principios deste século Santa María de Burela era unha pequena parroquia dividida en catro barrios: o principal era Burela de Cabo, despois estaba o da Vila do Medio e finalmente, os barrios de Vilar e o Porto. Todos eles xunto cos -igualmente antigos- lugares de Pron, Cardoxe e Rivela constituíron, ata ben entrada a década dos cincuenta, as únicas testemuñas do desenvolvemento demográfico; sen esquecer ademais, as casas que co paso do tempo se foron levantando a ambos os dous lados da actual estrada da costa.

Máis tarde, engadíronse novos núcleos de poboación (A Veiga, "Casas Baratas", Os Castros, etc.) de modo que, pouco a pouco, ía cobrando vida un peculiar trazado urbanístico, ás veces adecuándose a certa orde (urbanización das "Casas Baratas", trazado das "Rúas Novas") e outras obedecendo tan só a unha febre construtora alí onde houbese terreo dispoñible e aproveitable.

A evolución demográfica de Burela rexistra un crecemento moderado ata mediados de século, momento en que cabe situar o primeiro punto de inflexión. As causas circunscríbense ao sector pesqueiro que comeza a despuntar demandando cada vez máis postos de traballo, ao mesmo tempo que inflúe, directa e indirectamente, na instalación de pequenas industrias e comercios así como de numerosos servizos. Un segundo punto abrangue os anos 60 e 70: a frota pesqueira continúa en auxe e o capital xerado atrae distintas entidades bancarias orixinando ademais un avance decisivo para o sector da construción.

Non obstante, o "gran salto" demográfico ten lugar entre os anos finais de 1970 e a década dos 80. Neste período o feito máis salientable do comportamento poboacional non foi, como cabía esperar, un incremento da natalidade senón a numerosa inmigración producida: no bienio 1978-1979 acoden 564 inmigrantes e entre 1984-1985 chegaron un total de 880. Nesta situación conflúen unha serie de causas:

. A posta en marcha do complexo industrial "Alumina-Aluminio S.A. " (actualmente ALCOA), situada a cabalo entre os Concellos de Xove e Cervo, e que motivou o desprazamento, na maioría dos casos definitivo, de familias enteiras procedentes de varios puntos de Galicia e de España, especialmente da zona asturiana, de Valladolid e Puertollano. De máis lonxe chegou o colectivo caboverdiano, que acudiu nun primeiro momento como man de obra non especializada para despois e unha vez finalizado o seu contrato empregarse no sector pesqueiro. . Foi decisiva tamén a instalación de varios colexios, dos centros de Formación Profesional e de Bacharelato, da "Casa do Mar" e sobre todo, do Hospital da Costa. . A achega realizada pola industria pesqueira, pola actividade comercial e o sector servizos, ademais do auxe construtivo dos anos oitenta.

A partir de 1990 o crecemento demográfico, aínda que sostido, empeza a reducirse considerándose pechado o "boom" anterior.

Pero todo isto non pode considerarse de forma illada, sendo necesaria a súa análise dentro dun ámbito máis xeral como é o contexto galego.

Guiándonos polas investigacións levadas a cabo polo profesor Barreiro, comprobamos que a poboación galega aumenta ata o ano 1950 para despois perder efectivos que resultan importantes se se comparan coa poboación española. Agora ben, no propio marco galego hai así mesmo diferenzas significativas que obrigan a sinalar a existencia de "dúas Galicias demográficas": a Galicia interior, que perde ou non gaña efectivos; e a Galicia costeira, que crece de modo vertixinoso. A simple vista a separación é doada: Lugo e Ourense por un lado e A Coruña e Pontevedra por outro; pero oculta pequenos e interesantes matices: polo que respecta á provincia de Lugo, o xeógrafo Pérez Alberti comprobou que Viveiro, Xove, Cervo e Foz tiñan un crecemento positivo mentres que a maioría dos municipios lucenses contaban cunha taxa negativa comprendida entre 0 e 0,5% ou 0 e -0,1%.

En 1986, de toda a provincia de Lugo unicamente seis municipios superan os 10.000 habitantes: Lugo, Monforte, Vilalba, Viveiro, Sarria e Cervo.

Burela hoxe

O máis destacable da poboación de Burela a día de hoxe (datos a 31/12/2010) é a súa xuventude, cunha media de idade de 40 anos. De feito, os menores de 18 anos (1.492 – 15,5%) superan amplamente aos maiores de 65 (1.263 – 13,1%), o que constitúe un caso singular tanto na provincia de Lugo como no resto do Estado español, onde se experimenta un envellecemento progresivo da poboación. Outro dato importante en canto ao estudo da poboación de Burela é o elevado número de nenos e nenas menores de 3 anos (345), o que representa o 3,6 % da poboación total.

    Mulleres Homes
ANO Poboación total Poboación mulleres % Poboación homes %
1995 7.834 3.953 50,46 3.881 49,54%
1997 7.994 4.031 50,43 3.963 49,57%
1999 8.196 4.144 50,56 4.052 49,44%
2001 8.428 4.257 50,51 4.171 49,49%
2004 8.740 4.381 50,13 4.171 49,49%
2005 9.105 4.549 40,96 4.556 50,03%
2006 8.877 4.437 49,98 4.440 50,02
2007 9.163 4.566 49,83 4.597 50,17
2008 9.372 4.676 49,89 4.696 50,11
2009 9.530 4.735 49,69 4.795 50,31
2010 9.616 4.772 49,63 4.844 50,37

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Burela
Concello de Burela
C/ Eijo Garay N°20 – 27880 Burela - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 586 000 / 982 580 609 | Fax: 982 585 945
E-mail: burela@burela.org