Fondo cabecera Concello de Burela

Territorio e clima

Relieve

Burela está encravada na chamada "Mariña lucense". A provincia de Lugo está formada por unha ampla meseta cunha altitude media de 450 m. O bordo norte desta meseta córtase na forte caída cara ao Cantábrico onde se forma a rasa, superficie plana que se sitúa entre o mar e as estribacións montañosas. Esta rasa cantábrica esténdese case de forma continua dende Burela (Lugo) ata San Vicente de Barquera (Santander). O sector occidental desta rasa comeza en Cudillero (Asturias) e remata no macizo granítico de Burela e a súa altura vai decrecendo dende os 160 m. ata os 5 m. en que se encontra a capital do Concello.

Dende o punto de vista tectónico destacan en Burela a existencia de grandes dobras tombadas e moi apertadas. Estas dobras quizais correspondan á primeira fase da deformación herciniana. Actualmente existen no Concello canteiras en explotación (algunha abandonada) onde se poden apreciar os distintos sedimentos de varios metros. Tamén no porto de Burela se observa unha serie de dobras e o contacto entre o granito e as cuarcitas, así como as fallas que leva asociadas.

No ámbito concreto do Concello de Burela encóntranse as elevacións seguintes: Monte de Vilar, Pena da Guía, Puída, Monte Castelo, Monte Buio (que serve de límite para os Concellos de Foz, Burela e Cervo) e Monte Berdión.

Clima

Pertence ao clima oceánico e, pola súa situación costeira, a temperatura é moderada. A súa posición, a súa climatoloxía suave, ademais da súa morfoloxía plana con bos accesos, axudaron a asentarse á poboación, servindo de porta de entrada como o demostran os restos arqueolóxicos de castros ao longo do litoral. Un exemplo é o castro de Burela ou o de Fazouro. O terreo é fértil e lousento, atravesado por varios regatos todos de curso perenne e escaso caudal.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Burela
Concello de Burela
C/ Eijo Garay N°20 – 27880 Burela - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 586 000 / 982 580 609 | Fax: 982 585 945
E-mail: burela@burela.org