Fondo cabecera Concello de Burela

Séculos XVII-XVIII

Dende comezos do S.XVII ata 1834 o reino de Galicia compoñíase de sete provincias: Santiago, Lugo, Ourense, Mondoñedo, Betanzos, A Coruña e Tui. A palabra provincia tiña nos séculos XVI-XVIII un significado diferente do que ten na actualidade. As provincias no Antigo Réxime tiñan funcións reducidas e non rompían a unidade do país. Galicia, integrada na Coroa de Castela, aparecía como un reino e víase como unha unidade. As provincias existían unicamente como marco de distribución de cargas fiscais ou de repartición de levas e no interior de cada provincia distribuíase entre cada xurisdición ou couto. En realidade, o marco administrativo que percibían os galegos dos séculos XVI-XVIII era ante todo o de couto xurisdición. A orixe destes coutos e xurisdicións temos que buscala na Idade Media, nos coutos das igrexas e conventos. En canto ás xurisdicións dos señores, a orixe está nos territorios que ían adquirindo por herdanza, doazón, compra ou contrato e que eles mesmos rexían e administraban como autoridade propia, pois a xurisdición leva consigo o nomeamento dos membros de xustiza e os funcionarios municipais que conveñen, ademais da elección de escribáns. Por tanto, a división territorial e de goberno de Galicia era a seguinte:

1. Unha provincia-reino. 2. Sete pronvincias como ámbitos territoriais de representación. 3. Unha subdivisión provincial en xurisdicións e coutos redondos que, á súa vez, están compostos polas unidades máis pequenas: as parroquias, que son puntos fundamentais de convivencia. Ademais do seu carácter histórico (castro-vila-freguesía) e da súa operatividade básica como unidade territorial, económica e social, tamén a parroquia ten aspectos fiscais e administrativos ao longo deste período histórico do Antigo Réxime.

A finais do século XVIII, a división territorial, local de Galicia, estaba composta por coutos pechados e xurisdicións, que significan o mesmo e que se gobernan do mesmo modo, se ben se lle dá o nome de xurisdición á que comprende máis de unha parroquia e o de couto ás que só teñen unha; pero esta regra vese infrinxida en moitos casos. F.X. Río Barja, partindo da división territorial feita por Floridablanca, di que en Galicia no século XVIII existían 509 xurisdicións e 155 coutos redondos.

A provincia de Mondoñedo, cunha extensión de 2.020 km., incluía tres núcleos de relativa importancia como era a propia cidade e as vilas de Ribadeo e Viveiro, 30 xurisdicións e 16 coutos redondos, entre eles está Santa María de Burela; tamén o indica o catastro de Ensenada ao afirmar que a freguesía e poboación se chama Santa María de Burela, couto do mesmo nome.

A través das respostas que se recollen no "interrogatorio" que se leva a cabo nas parroquias para confeccionar o catastro ou rexistro de terreos organizado polo Marqués da Enseada, encontramos máis datos que nos permiten achegarnos á realidade histórica desta parroquia: sabemos que ademais de ser couto é de señorío e que os donos son D. Pedro Carlos de Quiroga e D. Basilio Bolaño. Este documento fixa a distancia do territorio "De levante a poñente un cuarto de legua e de norte a sur a oitava parte doutra legua e de circunferencia legua e media... ".

Segue detallando o número de habitantes e a súa clasificación socio-profesional ao ofrecer unha distribución por fogares das distintas actividades do cabeza de familia. En canto ao número de habitantes indica 116 máis ou menos e a súa clasificación é a seguinte: 14 labregos, 1 taberneiro, 7 tecedores, 3 ferreiros, 2 carpinteiros, 4 xastres, 2 zapateiros e 17 mariñeiros.

Na clasificación non contan as mulleres, nin o feito de que nunha familia poida haber máis dun oficio; só conta o cabeza de familia pero sérvenos de aproximación. Podemos apreciar que predominan os mariñeiros e labradores polo tanto a pesca e a agricultura son a base da economía da época; séguenos os xastres, pois había unha incipiente industria téxtil coa existencia de varios teares na parroquia. Segue o documento facendo un exame exhaustivo da cantidade e calidade das terras, o número de gando, dos froitos e o tipo dos impostos que pagan, entre os que se cita a alcabala, o novo imposto da carne, etc. Outro apartado dedícao ao décimo que se paga ao cabido de Mondoñedo.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Burela
Concello de Burela
C/ Eijo Garay N°20 – 27880 Burela - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 586 000 / 982 580 609 | Fax: 982 585 945
E-mail: burela@burela.org