Fondo cabecera Concello de Burela

As pinturas da Igrexa da Vila do Medio

A denominada Igrexa da Vila do medio foi o primeiro templo parroquial de Burela; deixou de ter culto en 1962 cando se rematou de construír a moderna igrexa de Santa María, moito máis céntrica e de maiores dimensións axeitada para as novas necesidades dunha Burela en pleno crecemento. Está situada no coñecido barrio de Vila de Medio, unha das sementes que deron orixe á nosa vila. Ten planta rectangular e cuberta a dúas augas coa estrutura interior de madeira. A principios do S.XVIII efectúaselle unha ampliación e engádese unha nave lateral segundo consta nunha inscrición onde se le: "Reedificou esta metade D. José Bolaño Osorio, patrón da parroquia...ano 1719", tamén a fachada principal de pedra e cadeirado así como o campanario datan dese século, a entrada ten un arco alintelado cunha ventá enriba, sobre ela a espadana con tres vans aos que se accede exteriormente para tocar as campás a través dunhas escaleiras de pedra pegadas ao muro lateral. No pavimento orixinal a base de lousas había dúas lápidas sepulcrais elixibles e tamén se conservan dúas pilas de auga bendita.

As pinturas murais que se encontran no seu interior formaban un conxunto homoxéneo e poderían ter decorado ambas as dúas paredes laterais da igrexa. Ao levar a cabo a ampliación e engadir a mencionada nave lateral e a sancristía debéronse destruír outras pinturas murais e agora no seu lugar hai dous arcos de medio punto. Ademais estas pinturas foron esquecidas durante moito tempo debido ao branquexado con cal ao que tamén foron sometidas moitas outras igrexas galegas a partir de finais do século XVI por razóns fundamentalmente hixiénicas, xusto a partir desa data diminuirán as pinturas murais, detalle que teremos en conta na datación das pinturas como veremos posteriormente.

Comezando coa análise das pinturas, observamos na primeira impresión a súa factura estilística medieval, desafortunadamente nun dos laterais só se pode apreciar claramente as escenas de tres paneis estando os outros tres en tal mal estado que apenas se observan algúns detalles. Son en total seis escenas da vida de Xesucristo separadas e enmarcadas cunhas orlas de motivos xeométricos que as diferencian entre si pero forman en todo momento un conxunto homoxéneo en canto a estilo, composición, cor e temática: A Paixón de Cristo.

Son as seguintes:

1. "Xesús ante o Sanedrín": figura central rodeada de soldados que podemos identificar como o proceso ao que foi sometido Xesús tras o seu prendemento.

2. "A flaxelación": resultado do proceso civil e relixioso foi a flaxelación e a condena a morte na cruz; nesta escena apréciase unha licenza artística dado que os soldados que flaxelan a Cristo aparecen vestidos practicamente de cortesáns renacentistas ao igual que os da escena anterior que aparecen con helmos e armas propias da mencionada época. Xesús atado a unha columna presenta no seu corpo os sinais do seu sufrimento co chamado por Horacio "horrible flagellum" representadas de forma simple pero efectista.

3. "Santas Mulleres ante o Sepulcro": aparecen tres mulleres que poden ser María Magdalena, María de Santiago e Salóme ou en lugar desta última, Juana, flanqueadas por un mozo na cabeceira do sepulcro e un ancián aos pés que poden ser Juan e José de Arimatea.

Supoñemos que o resto dos paneis continuarían a mesma liña representando a Paixón de Cristo cunha finalidade pedagóxica elemental posto que ensinaban aos fieis que entón non sabían ler os milagres da vida de Xesús.

No outro lateral da igrexa consérvase outra escena ao lado da porta principal enmarcada tamén cunha orla que parece representar a:

4. "Xesús no Monte das Oliveiras": aparecen uns soldados da mesma factura que os de "Xesús ante o Sanedrín"; dada a representación de pequenas árbores que ben puideran ser oliveiras, tería sentido que fose o seu precedente cronolóxico, é dicir, Xesús no Monte das Oliveiras.

As cores máis utilizadas son as azuis, ocres e vermellas polo que a súa gama cromática tal como hoxe chega ata nós, coas limitacións da súa mala conservación e do paso do tempo, é sinxela. O debuxo está coidado con liñas grosas que delimitan e marcan as figuras.

A composición das distintas escenas responde a un estudo previo, sirva como exemplo o eixe central da columna á que está atado Xesús na escena da flaxelación ou a práctica isocefalia dos personaxes na representación das Mulleres ante o Sepulcro. A perspectiva non lle interesa ao pintor cando prexudica a mellor visión e compresión do tema que plasma, como por exemplo no corpo de Cristo da escena das Mulleres ante o Sepulcro. Non obstante, consegue unha sensación de profundidade na escena de Xesús ante o Sanedrín ao poñer un soldado de costas ao espectador e coas lanzas.

As figuras presentan unha inexpresividade repousada común; no que atinxe ao seu tamaño respéctase sumariamente o canon humano real en todas. Ao enmarcar as escenas con orlas de motivos xeométricos variados, quedan moi delimitadas e illadas dándolles tamén certo arcaísmo.

En canto á localización das pinturas no templo, responde a criterios fundamentalmente didácticos, como xa comentabamos, de forma que as escenas van por orde cronolóxica dende a entrada da igrexa cara ao altar.

Para concluír coa análise estilística recoñecemos que son obra do mesmo pintor ou mestre pola súa unidade formal e por ser un conxunto homoxéneo.

A datación das pinturas da igrexa de Vila do Medio supón unha reflexión sobre todos os elementos que as compoñen dada a ausencia de documentos onde se especifique exactamente a época en que foron realizadas. Segundo opina García Iglesias existen gran número de conxuntos pictóricos murais datados entorno ao 1500 con criterios absolutamente góticos e mesmo na primeira metade do século XVI hai pinturas murais galegas de raíces góticas. Non obstante, dos séculos XIII-XIV existen poucos exemplos debido sobre todo ás revocaduras ou repintados que se facían nas igrexas polo seu desgaste. Outra referencia importante para datar estas pinturas é a constatación de que a finais do S.XIV se branquexaron con cal numerosas igrexas por razóns profilácticas (evitar a propagación das pestes) e se deixou de decorar con pinturas murais para pasar a utilizar retablos. Sinalamos, entón, que a pintura gótica en Galicia é relativamente abundante, que o seu medio favorito era o mural e que continuaron as súas características formais ata o S.XVI, por iso, aínda en pinturas do S.XVI e mesmo do século S.XVII se observa unha calidade inferior e unha tendencia ao arcaísmo pouco acorde co estilo pictórico vixente nos grandes núcleos artísticos, e máis se se trata de focos ou pintores locais.

Sen querer establecer paralelismo recordemos que nesta zona da mariña luguesa existen unhas espléndidas pinturas en San Martiño de Mondoñedo datadas en torno ao 1500 e que tamén nalgúns casos están enmarcadas por orlas de motivos xeométricos e inscricións.

A través do vestiario dos personaxes que aparecen nas pinturas tamén observamos que os traxes a base de mallas finas, faldrelas e sombreiros de tipo italiano que levan os homes así como os helmos e armas dos soldados son típicas do Renacemento (S.XVI). Por outra parte, na escena de Xesús ante o Sanedrín hai unhas inscricións pintadas semellantes ao alfabeto gótico de miniaturas dos séculos XV e XVI; é unha pena que no pequeno anaco que se conserva desta escritura non se aprecie algunha inicial que nos puidera indicar unha época máis concreta segundo fora a súa ornamentación e tamaño.

Finalmente concluímos encadrando as pinturas murais da igrexa de Vila do Medio entre os séculos XVI e XVII segundo os razoamentos expostos anteriormente e dadas as súas características estilísticas. Así falariamos dun Gótico tardío que mantén unha factura arcaica/medieval tanto en composición, colorido, etc. o que dada a situación de Burela naqueles tempos, afastada dos centros artísticos galegos importantes, a excepción de San Martiño de Mondoñedo, podería tratarse dunha mostra da perduración da pintura mural rural a través do tempo ou que o artista se basease en modelos anticuados.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Burela
Concello de Burela
C/ Eijo Garay N°20 – 27880 Burela - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 586 000 / 982 580 609 | Fax: 982 585 945
E-mail: burela@burela.org