Fondo cabecera Concello de Burela

O torques en Burela e o noso pasado

O seu achado en 1945 está rodeado de anécdotas curiosas porque o afortunado que casualmente encontrou o Torques descoñecía o valor histórico e a importancia que tería esta xoia, tanto para o coñecemento da historia do pobo de Burela, como para o mundo da arqueoloxía e concretamente da ourivaría prehistórica.

Todos sabemos que un torques é un adorno de colo ou colar ríxido que os gregos e tamén os romanos consideraban característico dos pobos bárbaros (europeos e asiáticos), que o utilizaban como un símbolo de determinados guerreiros ou personaxes importantes dentro dunha determinada sociedade e mesmo como distintivo dos deuses ou divindade. Non obstante, no Noroeste peninsular dentro da denominada Cultura Castrexa, desenvolveu unha morfoloxía distintiva e independente doutros torques foráneos. O de Burela é un exemplo de Torques áureo castrexo composto por unha vara decorada con arames enrolados nos seus dous terzos inferiores e filigrana en forma de oitos entrelazados na parte central externa e rematados cuns remates volumétricos.

En canto ao seu uso ou función podemos dicir que nesta Cultura parece ser utilizado por varóns dun determinado rango social aínda que o de Burela debido ao seu excepcional peso (1.800 gramos) e dimensións, parece máis ben que estaría destinado a outra finalidade, ben fose como ofrenda, como unha xoia votiva ou como símbolo de poder usado en contadas ocasións polas persoas máis representativas da comunidade (como é o caso das coroas reais ao longo da historia).

O que tamén transcende do noso torques é a confirmación da existencia dun asentamento prerromano en Burela concretamente na zona do seu achado (Chao de Castro) cuxo topónimo é así mesmo identificativo posto que sinalaría a existencia dun castro, típico recinto fortificado de forma oval ou circular onde vivían os nosos antepasados antes e tamén despois da chegada dos romanos (que conquistaron definitivamente o territorio setentrional no ano 19 antes de Cristo); esta teoría veríase reforzada porque nos municipios veciños de Cervo, Foz e Xove tamén hai varios castros. E con esta información quedaría demostrado que Burela ten un pasado remoto e unha historia antiga das que desgrazadamente non hai testemuños gráficos ou documentais pero si arqueolóxicos: o torques e a arracada, desta última sinalar que é así mesmo unha verdadeira xoia posto que nos seus dous escasos centímetros de alto e ancho se condensan unhas técnicas de execución e decoración realmente complicadas e artísticas propias do ¿savoir faire¿ dun ourive de gran pericia. A arracada, que apareceu en Burela en 1954, é un pequeno pendente áureo de forma de ril que as mulleres levaban no lóbulo da orella.

O feito de que estes dous adornos de ouro chegasen ata nós dende tempos tan antigos (a arracada dátase no século II d.C e o torques entre os séculos III e II a.C) constata ademais que existiu un asentamento ou poboado prerromano onde os seus moradores ou habitantes gustaban do adorno persoal. A indubidable importancia destas pezas tamén vén dada polo material empregado na súa fabricación: ouro de gran pureza, o que quizais podería afirmar a riqueza ou o poder da devandita comunidade.

Realmente é lamentable que ao tratarse de achados casuais e descontextualizados non se puidese facer ningún tipo de prospección arqueolóxica no lugar e momento da súa aparición posto que nos tivesen proporcionado moita información adicional, tanto sobre as propias xoias, coma das xentes que as levaban; porque o feito de que aparecesen nunha tumba formando parte dun enxoval funerario ou con outras pezas a xeito de tesouro escondido nun determinado momento de perigo ou nunha estrutura tipo vivenda, etc.. aclararían moitos dos interrogantes que nos facemos á hora de contextualizar ambas as dúas pezas. Con todo, os obxectos áureos da Antigüidade establecían diferenzas sociais, tiñan carácter apotropaico (de protección ou amuleto) e connotacións máxico-relixiosas (asociado á divindade) ademais do seu valor intrínseco como adorno.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Burela
Concello de Burela
C/ Eijo Garay N°20 – 27880 Burela - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 586 000 / 982 580 609 | Fax: 982 585 945
E-mail: burela@burela.org