Fondo cabecera Concello de Burela

O Hórreo en Burela

O hórreo pode considerarse unha das construcións máis características da arquitectura popular galega porque forma parte da nosa paisaxe e dos nosos costumes. A súa aparición remóntase a épocas moi remotas posto que nace como almacén/celeiro de cereais; logo, coa introdución do millo na nosa agricultura (S.XVII), pasa a utilizarse fundamentalmente para esta gramínea.

Ata hai pouco a economía de subsistencia das zonas costeiras galegas como Burela combinaba a agricultura coa pesca, tanto de forma estacional como continua. Polo tanto, os hórreos conservados en Burela son unha mostra da economía rural ata o século actual posto que aínda se seguen construíndo hórreos (agora xa cuns criterios e materiais distintos aos máis antigos) e isto é debido á súa función como almacén de determinados produtos que garantía a súa reserva para o consumo cotián durante todo o ano; pero ademais a dieta alimenticia complementábase con outros sectores como a pesca, documentada en Burela dende época medieval debido á riqueza pesqueira da nosa costa. Ata hai pouco a economía de subsistencia das zonas costeiras galegas como Burela combinaba como xa mencionamos, a agricultura coa pesca, tanto de forma estacional como continua, por iso é normal que os hórreos se sitúen mesmo preto do mar e sempre arredor das casas ou eiras situándose en busca do vento para que estivesen ben aireados, e próximos ás vivendas.

A súa estrutura é o resultado do seu uso como celeiro: é alto e estreito para illalo do chan e dos roedores e facilitar a súa ventilación para que o contido permaneza seco. O hórreo rectangular a dúas augas é o máis típico de Galicia e diferénciase do cabazo, aínda que nalgunhas zonas se utilizaban ambos os dous termos como sinónimos. En canto ao material construtivo predomina a pedra pero na Mariña Lucense combínase coa madeira, material este máis utilizado tamén na Idade Media ata o S.XVIII cando empezan a aparecer xa integramente de pedra nalgunhas zonas.

Algúns ademais teñen algún detalle decorativo como os remates en forma de cruz, que parecen provir da época dos suevos, pináculos ou relevos indicativos dos seus propietarios e a data de construción.

En Burela son característicos os de madeira con estrutura de pedra (tamén denominados hórreos mixtos) dos cales temos bastantes exemplos a pesar de que o granito non abunda tanto como no sur de Galicia onde son integramente de pedra e, en xeral, intégranse nos hórreos típicos da Mariña Lucense, que adoitan ser altos, estreitos, curtos e xeralmente pequenos, con "penais" de pedra. Noutros lugares como Ribadeo ou Mondoñedo xa cambia a tipoloxía establecéndose uns modelos específicos para cada zona.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Burela
Concello de Burela
C/ Eijo Garay N°20 – 27880 Burela - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 586 000 / 982 580 609 | Fax: 982 585 945
E-mail: burela@burela.org